Tuesday 14 de May de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade desistir do expediente “Sendeiro dende a ponte de Abelendo a Carabeiras” para mellorar o proxecto técnico


Teresa Villaverde explica que “imos reinicialo. Quero facelo así para atender as achegas, incluso as recollidas nas alegacións, e mellorar o proxecto técnico. Pero non imos parar”

O Pleno de Lousame aprobou por unanimidade na noite de onte martes, en sesión extraordinaria, desistir do expediente “Sendeiro dende a Ponte de Abelendo a Carabeiras. Paralelo río Lobo” e resolver os recursos de reposición interpostos para proceder á mellora do proxecto técnico. A alcaldesa, Teresa Villaverde, xustificou a convocatoria da sesión en que “compre acelerar para poder empezar a traballar nun novo expediente expropiatorio e non queremos dilatar a tramitación dese novo expediente”.
Así mesmo, explicou que o Concello de Lousame decidiu desistir do actual expediente porque durante a súa tramitación “afloraron feitos que así o aconsellan, sobre todo de cara a garantir o exclusivo acceso peonil á senda, o respecto absoluto ao medio natural e ao patrimonio, así como concretar o contido dos paneis informativos”. Por iso, previamente o pleno desestimou os catro recursos de reposición interpostos a un proxecto que, acto seguido, foi desestimado. Porén, Villaverde Pais adiantou que “imos reinicialo. Quero facelo así para atender as achegas, incluso as recollidas nas alegacións, e mellorar o proxecto técnico. Pero non imos parar”.
Debate sobre o procedemento
O voceiro municipal socialista, Julio Paradela, centrou as súas intervencións en cuestións de procedemento, comezando pola propia convocatoria desta sesión extraordinaria, onde tanto PSOE como BNG votaron en contra da ratificación da inclusión dos asuntos na Orde do Día. Os socialistas fixeron fincapé nunha suposta tardanza do Concello á hora de resolver os recursos de reposición, poñendo como exemplo que o primeiro se recibiu o 23 de xuño e tiña que estar resolto nun prazo de 20 días.
Isto que motivou a intervención da secretaria municipal quen explicou que “se esperou ata finalizar todo o período de presentación de alegacións para resolver todas á vez”, evitando así ter que convocar, neste caso, catro sesións plenarias extraordinarias para que o Pleno resolvera cada un dos recursos presentados. Paradela tamén cuestionou que o Concello resolvese os recursos de reposición interpostos antes de desistir do expediente, cuestión á que Villaverde Pais respondeu que os informes técnicos e xurídicos indican que non se deben aprobar os recursos, se ben recoñeceu que algunhas delas achegan cuestións que serán tidas en conta no futuro proxecto.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Anxo Moledo, pediu tamén separar a votación da resolución dos recursos de reposición e do desestimento do expediente, cuestión que non se puido aprobar ao estar así incluída na orde do día. Moledo tamén se interesou polo trazado do sendeiro, ante o cal a alcaldesa convidou aos dous voceiros a visitar o lugar canda ela e os técnicos municipais, ao tempo que afirmou que “non se vai enterrar ningunha canle e, se aparece algunha, vaise restaurar, doulle a miña palabra”.
Finalmente, a alcaldesa recoñeceu a existencia dun erro no título orixinal do proxecto: “Sendeiro desde Ponte San Francisco a Carabeiras. Paralelo río Lobo”, cando debería ser “Sendeiro desde Ponte Abelendo a Carabeiras, Paralelo río Lobo”. Neste sentido explicou que non tería xerado problema ningún na súa tramitación xa que, no seu contido, o proxecto fai referencia en todo momento á Ponte Abelendo.